jueves, 16 de diciembre de 2010

Happy Birthday, NIEMEYER!

Hoxe, 15 de decembro de 2o1o, o arquitecto carioca Óscar Niemeyer celebra o seu aniversario número 1o3, e faino cunha sorprendente vitalidade que o mantén ao mando do seu estudio.


A súa obra parte en 1939, cinco anos despois de graduarse na Escola Nacional de Belas Artes de Río de Janeiro, e nada menos que encabezando o equipo de arquitectos que colaboraron con Le Corbusier no Novo Ministerio de Educación en Río de Janeiro e onde ten a oportunidade de traballar xunto a Lucio Costa e Carlos Leao entre outros.

As décadas dos 4o e 5o serían moi frutíferas para a arquitectura de Niemeyer. Aquí aparecerían importantes obras como o Cuartel Xeral da ONU (en colaboración con Le Corbusier), o parque Ibirapuera ou o MAM de Caracas. Con todo, o máis relevante xorde da man do presidente brasileiro Juscelino Kubitschek, quen decidiu levantar desde cero unha nova capital para Brasil.

Brasília está na memoria de todo arquitecto. O masterplan desenvolvido por Lucio Costa foi acompañado por edificios de Niemeyer, como a Catedral de Brasília, o Congreso Nacional ou o Palacio do Planalto. A estas alturas a arquitectura de Niemeyer deixa de ser puramente lecorbusiana e alcanza un caracter propio, máis escultórico e onde as curvas son un común denominador do mesmo xeito que o uso do formigón armado.

Nos anos 6o, tras a ditadura en Brasil, Niemeyer vese forzado a abandonar o seu país e comezar unha etapa de construción en diferentes lugares do mundo. É así como a súa obra traspasa as fronteiras latinoamericanas e transfórmase nun arquitecto recoñecido en todo o mundo.

En 1988 recibe o recoñecemento máis importante da Arquitectura: O premio Pritzker.


Na actualidade, non é necesario falar de quen é Óscar Niemeyer: os seus anos de oficio e a súa obra transformárono nunha das figuras máis importantes da arquitectura mundial. É así como a súa arquitectura ademais ten un estilo puramente propio que aínda que herdou moitos elementos da arquitectura racionalista europea, foi capaz de elaborar certos conceptos e elementos que lle deron un carácter máis latinoamericano e local.

martes, 9 de noviembre de 2010

Monfero como metamateria

En Santa María de Monfero, Patricia Sabín e Enrique Blanco identifican o existente como unha base en estado de ruína, resultado dun elevado estado de degradación. A súa opción é empregar toda esa presenza como materia conceptual, onde a herdanza arquitectónica é a base para a construción do novo hotel: non estamos a restaurar un mosteiro, estamos a construír un hotel coas pedras dun mosteiro. Este principio pode lembrarnos a Viollet-Le-Duc, pero os arquitectos non procuran a súa unidade de estilo, definindo un estilo dominante e suprimindo outros. Ao revés, empregan o existente como materia de traballo para recrear o conxunto, restablecendo nel un estado actual que emprega toda a preexistencia como tema.

A historia do edificio non é vista como unha secuencia continua senón como un testemuño reinterpretado de xeito non secuencial. A base histórica adquire unha importancia tradicionalmente outorgada ao lugar. Asimilándollo como unha ferramenta de traballo, os arquitectos remarcan, suavizan ou anulan a materia construída do mesmo xeito como axeitan o terreo ou determinan as relacións visuais ou volumétricas como envolvente.

Por outra banda, o proxecto recorda a Ruskin na recuperación do discurso en torno á nostalxia, á ruína, á beleza da pátina. Pretende a verdade do existente en contrapunto á intervención estética, asumindo engurras e defectos, refacéndollos segundo unha nova lóxica persoal, cuns principios destacados ao nivel funcional e construtivo. Os arquitectos recolocan todos estes elementos físicos, poéticos ou filosóficos de novo na contemporaneidade, adaptados a unha imaxe clara e actual, sen establecer analoxías ou contrastes; pero si unha nova imaxe, a súa.

domingo, 7 de noviembre de 2010

Club Náutico en Miño

Situación. Porto de Miño (A Coruña)
Data. Proxecto: 2oo4-o5
Superficie. 587,75 m2

O porto de Miño é un enclave portuario situado nunha zona remarcable da costa coruñesa pola riqueza e beleza do seu paisaxe. Dispón dunha ampla amarradoira de embarcacións de recreo de recreo e deportivas, constituíndo un punto de partida clave para as excursións marítimas. En menor número, alberga tamén unha pequena flota pesqueira.

O edificio busca integrarse na paisaxe, desaparecendo, a través do reflexo das augas na infinitude dos seus vidros, protexidos por esa inmensa cuberta a modo das ás despregadas dos cormoráns do lugar. En tal situación, mordendo o dique, o edificio aparece no límite da dársena, abríndose ao mar e dando a benvida aos novos tripulantes.

O edificio organízase en dúas plantas superiores onde se sitúan as oficinas, as salas de estar, un ximnasio e o bar - restaurante, orientados ao sudoeste e ofrecendo unha ampla, inmediata e interminable visión do mar aberto.

A lousa construida sobre o nivel do mar dá lugar a unha planta soterrada onde se aloxan tódalas instalacións e se almacenan as pequenas embarcación do club con saída directa ás augas do mar.


sábado, 6 de noviembre de 2010

Happy Birthday, ROBIE HOUSE!


Os habitantes de Chicago, aos que non lle gustaba a casa Robie, que se sentían ofendidos pola novidade do seu aspecto e ás súas longas e estendidas liñas horizontais, trataron de ridiculizala comparándoa cun barco de vapor, o mesmo que ían dicir más adiante os críticos de Le Corbusie sobre os seus edificios. Sen sabelo, estaban dando a entender que a casa estaba construída no espírito da época da que procedía.
Sigfried Giedion: Espazo, tempo e arquitectura

Dende que constrúe a súa residencia - estudio no barrio de Oak Park (Illinois) e durante vinte anos, de 1889 a 19o9, Frank Lloyd Wright desenrolou unha arquitectura que transformaría totalmente a maneira de entender a vivenda unifamiliar suburbana. El denominou ás propostas domésticas dese período as prairie house e, entre elas, a casa para Frederick C. Robie, rematada en 191o, sería o seu expoñente máis representativo, o diálogo perfecto entre a arquitectura e a natureza.
O paradigma das casas da pradeira pódese entender en termos de diálogo, diálogo que se establece entre as diferentes estancias, ao romper o seu tradicional hermetismo, contrapunto entre interior e exterior, entre oriente e occidente; entre as predominantes liñas horizontais –a pradeira– e a rotunda cheminea vertical –o fogar– que ancora a casa e os seus habitantes ao lugar… pero, sobre todo, entre a casa como máquina e a casa como refuxio, a eterna dialéctica da vivenda moderna.
Unha casa que protexa e libere ao mesmo tempo é a concepción doméstica de Wright. Christian Norberg-Schulz explica que o gran valor da obra consiste en ter dado unha interpretación moderna aos significados fundamentais do espazo existencial. Dese xeito, Wright redescubre conceptos arquetípicos e pon en relación o Vello e Novo Mundo, sentado as bases para a arquitectura posterior.

Con este pequeno escrito, quixen sumarme á celebración do centenario da construción da Casa Robie. E a pesares de que semella estar xa todo escrito sobre esta vivenda, asegúrovos que sempre atoparemos algún texto, algunha imaxe… algunha lección que nos demostre como, un século despois da súa construción, aínda podemos aprender da Casa Robie.

domingo, 24 de octubre de 2010

ARØALA, marca rexistrada

ARØALA nace como marca rexistrada no 1999, ano no que ingreso na Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña, e na que me titulo coa cualificación de Notable a comezos do ano 2oo7.

Mentres, curso diversos módulos de debuxo, deseño e tratamento gráfico, e asisto a varios seminarios orientados, entre outros, aos campos do Negocio Inmobiliario e da Rehabilitación. Tamén disfruto de diversas bolsas de colaboración no Departamento de Composición da Universidade da Coruña e na Fundación para o Románico de Santa María La Real.

Traballo en diversos estudios que me aportan experiencia na redacción de proxectos de vivendas unifamiliares, rehabilitacións, e intervencións no patrimonio do Camiño de Santiago.

No período 2oo8-2oo9, curso o Máster en Rehabilitación Arquitectónica pola Universidade de A Coruña, graduándome no mesmo coa cualificación de Sobresaínte.

Na actualidade, combino pequenas colaboracións en estudios coruñeses coa elaboración da miña tese doutoral.

Se desexa obter o currículo completo, non dubide en poñerse en contacto comigo en arqala@gmail.com.

domingo, 7 de febrero de 2010

ARØALA escríbese con A

a- pref. Prefixo continuador da forma latina ad, que indica dirección ou tendencia cara a un fin, paso a un determinado estado.

actitude s.f. 1. Postura do corpo que revela unha intención determinada ou un estado. Actitude de ataque. 2. fig. Disposición do ánimo que se traduce nun determinado modo de proceder.
Amosa unha actitude positiva cara ó problema.

activo-a adx. 1. Que está caracterizado pola acción, que implica unha certa actividade [cousa]. Forma parte dunha asociación cultural bastante activa. 2. Que actúa ou obra con presteza e disposición, que non é capaz de estar sen facer nada [persoa]. É un dos executivos máis activos da empresa.

admiración s.f. Impresión viva provocada por aquilo que se xulga extraordinario, fermoso ou perfecto. A súa vida e a súa obra provocaron a admiración de todo o mundo.

aptitude s.f. Calidade de quen demostra ter capacidade ou disposición [para algo]. Ten aptitudes para o debuxo.

arquitectura s.f. 1. Arte e técnica de realiza-los planos e dirixi-la construción de edificios. A moderna arquitectura pretende a beleza e a comodidade. 2. Conxunto de características arquitectónicas dun edificio, ou, en particular, dunha zona ou período determinado. Un pazo de arquitectura simple, pero maxestosa.

arte s.f. 1. Actividade humana que ten como fin a creación de obras estéticas. Historia da arte. 2. Cada un dos dominios en que o ser humano pode pór en práctica a súa capacidade creadora con fins estéticos. Artes plásticas. 3. Conxunto de obras características dunha época, estilo, etc... A arte barroca. 4. Conxunto de coñecementos e regras precisas para realizar ben determinadas actividades en que a dimensión práctica ten tanta ou máis importancia cá teórica. A arte da milicia. 5. Capacidade, polo xeral adquirida coa experiencia, para facer ben algo que require certas dotes, e manifestación práctica desa capacidade. Ten arte para facer debuxos.

auténtico-a adx. Que é o que aparenta ou o que se di que é. A historia que che conto é auténtica.

autodidacta adx. Que se instruíu ou educou a si mesmo sen axuda de ningún mestre. É unha traballadora autodidacta.

autor-a s. O que realiza un determinado acto, unha obra literaria, artística, etc... Foi premiada a autora deste edificio.