Os habitantes de Chicago, aos que non lle gustaba a casa Robie, que se sentían ofendidos pola novidade do seu aspecto e ás súas longas e estendidas liñas horizontais, trataron de ridiculizala comparándoa cun barco de vapor, o mesmo que ían dicir más adiante os críticos de Le Corbusie sobre os seus edificios. Sen sabelo, estaban dando a entender que a casa estaba construída no espírito da época da que procedía.
Sigfried Giedion: Espazo, tempo e arquitectura
Dende que constrúe a súa residencia - estudio no barrio de Oak Park (Illinois) e durante vinte anos, de 1889 a 19o9, Frank Lloyd Wright desenrolou unha arquitectura que transformaría totalmente a maneira de entender a vivenda unifamiliar suburbana. El denominou ás propostas domésticas dese período as prairie house e, entre elas, a casa para Frederick C. Robie, rematada en 191o, sería o seu expoñente máis representativo, o diálogo perfecto entre a arquitectura e a natureza.
O paradigma das casas da pradeira pódese entender en termos de diálogo, diálogo que se establece entre as diferentes estancias, ao romper o seu tradicional hermetismo, contrapunto entre interior e exterior, entre oriente e occidente; entre as predominantes liñas horizontais –a pradeira– e a rotunda cheminea vertical –o fogar– que ancora a casa e os seus habitantes ao lugar… pero, sobre todo, entre a casa como máquina e a casa como refuxio, a eterna dialéctica da vivenda moderna.
Unha casa que protexa e libere ao mesmo tempo é a concepción doméstica de Wright. Christian Norberg-Schulz explica que o gran valor da obra consiste en ter dado unha interpretación moderna aos significados fundamentais do espazo existencial. Dese xeito, Wright redescubre conceptos arquetípicos e pon en relación o Vello e Novo Mundo, sentado as bases para a arquitectura posterior.
Con este pequeno escrito, quixen sumarme á celebración do centenario da construción da Casa Robie. E a pesares de que semella estar xa todo escrito sobre esta vivenda, asegúrovos que sempre atoparemos algún texto, algunha imaxe… algunha lección que nos demostre como, un século despois da súa construción, aínda podemos aprender da Casa Robie.
No hay comentarios:
Publicar un comentario