martes, 9 de noviembre de 2010

Monfero como metamateria

En Santa María de Monfero, Patricia Sabín e Enrique Blanco identifican o existente como unha base en estado de ruína, resultado dun elevado estado de degradación. A súa opción é empregar toda esa presenza como materia conceptual, onde a herdanza arquitectónica é a base para a construción do novo hotel: non estamos a restaurar un mosteiro, estamos a construír un hotel coas pedras dun mosteiro. Este principio pode lembrarnos a Viollet-Le-Duc, pero os arquitectos non procuran a súa unidade de estilo, definindo un estilo dominante e suprimindo outros. Ao revés, empregan o existente como materia de traballo para recrear o conxunto, restablecendo nel un estado actual que emprega toda a preexistencia como tema.

A historia do edificio non é vista como unha secuencia continua senón como un testemuño reinterpretado de xeito non secuencial. A base histórica adquire unha importancia tradicionalmente outorgada ao lugar. Asimilándollo como unha ferramenta de traballo, os arquitectos remarcan, suavizan ou anulan a materia construída do mesmo xeito como axeitan o terreo ou determinan as relacións visuais ou volumétricas como envolvente.

Por outra banda, o proxecto recorda a Ruskin na recuperación do discurso en torno á nostalxia, á ruína, á beleza da pátina. Pretende a verdade do existente en contrapunto á intervención estética, asumindo engurras e defectos, refacéndollos segundo unha nova lóxica persoal, cuns principios destacados ao nivel funcional e construtivo. Os arquitectos recolocan todos estes elementos físicos, poéticos ou filosóficos de novo na contemporaneidade, adaptados a unha imaxe clara e actual, sen establecer analoxías ou contrastes; pero si unha nova imaxe, a súa.

domingo, 7 de noviembre de 2010

Club Náutico en Miño

Situación. Porto de Miño (A Coruña)
Data. Proxecto: 2oo4-o5
Superficie. 587,75 m2

O porto de Miño é un enclave portuario situado nunha zona remarcable da costa coruñesa pola riqueza e beleza do seu paisaxe. Dispón dunha ampla amarradoira de embarcacións de recreo de recreo e deportivas, constituíndo un punto de partida clave para as excursións marítimas. En menor número, alberga tamén unha pequena flota pesqueira.

O edificio busca integrarse na paisaxe, desaparecendo, a través do reflexo das augas na infinitude dos seus vidros, protexidos por esa inmensa cuberta a modo das ás despregadas dos cormoráns do lugar. En tal situación, mordendo o dique, o edificio aparece no límite da dársena, abríndose ao mar e dando a benvida aos novos tripulantes.

O edificio organízase en dúas plantas superiores onde se sitúan as oficinas, as salas de estar, un ximnasio e o bar - restaurante, orientados ao sudoeste e ofrecendo unha ampla, inmediata e interminable visión do mar aberto.

A lousa construida sobre o nivel do mar dá lugar a unha planta soterrada onde se aloxan tódalas instalacións e se almacenan as pequenas embarcación do club con saída directa ás augas do mar.


sábado, 6 de noviembre de 2010

Happy Birthday, ROBIE HOUSE!


Os habitantes de Chicago, aos que non lle gustaba a casa Robie, que se sentían ofendidos pola novidade do seu aspecto e ás súas longas e estendidas liñas horizontais, trataron de ridiculizala comparándoa cun barco de vapor, o mesmo que ían dicir más adiante os críticos de Le Corbusie sobre os seus edificios. Sen sabelo, estaban dando a entender que a casa estaba construída no espírito da época da que procedía.
Sigfried Giedion: Espazo, tempo e arquitectura

Dende que constrúe a súa residencia - estudio no barrio de Oak Park (Illinois) e durante vinte anos, de 1889 a 19o9, Frank Lloyd Wright desenrolou unha arquitectura que transformaría totalmente a maneira de entender a vivenda unifamiliar suburbana. El denominou ás propostas domésticas dese período as prairie house e, entre elas, a casa para Frederick C. Robie, rematada en 191o, sería o seu expoñente máis representativo, o diálogo perfecto entre a arquitectura e a natureza.
O paradigma das casas da pradeira pódese entender en termos de diálogo, diálogo que se establece entre as diferentes estancias, ao romper o seu tradicional hermetismo, contrapunto entre interior e exterior, entre oriente e occidente; entre as predominantes liñas horizontais –a pradeira– e a rotunda cheminea vertical –o fogar– que ancora a casa e os seus habitantes ao lugar… pero, sobre todo, entre a casa como máquina e a casa como refuxio, a eterna dialéctica da vivenda moderna.
Unha casa que protexa e libere ao mesmo tempo é a concepción doméstica de Wright. Christian Norberg-Schulz explica que o gran valor da obra consiste en ter dado unha interpretación moderna aos significados fundamentais do espazo existencial. Dese xeito, Wright redescubre conceptos arquetípicos e pon en relación o Vello e Novo Mundo, sentado as bases para a arquitectura posterior.

Con este pequeno escrito, quixen sumarme á celebración do centenario da construción da Casa Robie. E a pesares de que semella estar xa todo escrito sobre esta vivenda, asegúrovos que sempre atoparemos algún texto, algunha imaxe… algunha lección que nos demostre como, un século despois da súa construción, aínda podemos aprender da Casa Robie.