martes, 29 de marzo de 2011

Souto de Moura. Premio Pritzker

O arquitecto portugués Eduardo Souto de Moura (Porto, 1952) foi galardoado co Premio Pritzker de Arquitectura 2o11, dotado con cen mil dólares (pouco máis de setenta mil euros), por un traballo desenvolvido durante tres décadas no que combinou a modernidade cos ecos da tradición, segundo o xurado. 


Oporto viu nacer ao máis novo da terceira xeración de arquitectos modernos portugueses. Foi en 1952, o seu nome: Eduardo Souto de Moura. Iniciouse na arquitectura como discípulo de Fernando Távora, considerado o pai da arquitectura moderna, e de Álvaro Siza, con quen traballou entre os anos 1974 e 1979. Licenciado na Escola Superior de Belas Artes da súa cidade natal, tivo na súa Escola de Arquitectura a primeira experiencia como profesor asistente, á que seguiron outras durante a década do oitenta, nas escolas superiores de Paris-Belleville, Harvard, Dublín, Zúric e Laussane, onde adquiriu renome na restauración e deseño de edificios monumentais. Nesa época dirixiu a reconstrución da Casa das Artes e o centro cultural da Secretaría de Estado da Cultura do Porto, así como o departamento de Xeociencias da Universidade de Aveiro e un proxecto de hotel emblemático para a cidade austríaca de Salzburgo.

O dato máis significativo da súa obra é a adecuación do edificio á súa contorna, a partir de formulacións aparentemente sinxelas e de extremada sensibilidade, que recollen a herdanza do movemento moderno centroeuropeo. Influído polos suízos Herzog & De Meuron, Souto de Moura propón unha arquitectura moi pragmática na súa busca da simplicidade e o confort. O seus proxectos, que se achegan xa á centena, céntranse nos detalles e nos materiais, como así o reflicte o pavillón de Portugal, deseñado con Álvaro Siza para a Expo 98 de Lisboa, por mor do 5ooº aniversario da primeira viaxe de Vasco de Gama á India. Pero hai moitos exemplos máis, entre eles: o Mercado de Braga, a reforma da Praza Giraldo en Évora, a ponte Dell’Academia en Venecia ou o Forum de Arquitectura de Zúric.


A rehabilitación da pousada do mosteiro de Santa María do Bouro valeulle en 1996 unha nominación para o premio europeo de arquitectura Pabellón Mies van der Rohe xunto con catro máis das súas obras e é que, neste proxecto en cuestión, o histórico e o contemporáneo comulgan de xeito maxistral. Dende entón obtivo diversos recoñecementos internacionais, como o primeiro premio na primeira edición da Bienal Iberoamericana, a nominación como finalista do premio IberFAD e a mención de honra Pedra na Arquitectura.

viernes, 28 de enero de 2011

Gonçalo Byrne. Urbanidades

A Fundación Barrié de la Maza está a organizar unha exposición antolóxica sobre o traballo do arquitecto portugués Gonçalo Byrne, con catorce proxectos que incitan ao espectador unha conversación reflexiva acerca do habitar urbano, da cidade na súa realidade ou na súa ficción.


Gonçalo Byrne é autor dunha vasta obra, varias veces premiada a nivel nacional e internacional. Os seus proxectos son plataformas mediadoras de relación entre o home e o medio, que ilustran a capacidade dinámica e rexeneradora da arquitectura como ferramenta tranformadora da cidade e do territorio.

Habitar a cidade significa para Byrne habitar o territorio, introducindo a dimensión da paisaxe, non coma un baleiro residual, histórica e simbolicamente resistente á cidade, senón como unha parte activa na transformación e o desenrolo sostible das cidades. 


Recoméndovos visitar esta exposición baseada, como escribía antes, sobre o habitar urbano, sobre a cidade e a súa realidade (e a súa ficción); aínda que con unha comprensión máis vasta -na que habitar cidade é tamén habitar territorio- introducindo a dimensión da paisaxe que participa activamente no desenrolo das cidades actuais.

Do 18.11.2o1o ao o3.o4.2o11.


domingo, 16 de enero de 2011

Cidade da Cultura

A Cidade da Cultura é un dos proxectos en proceso de Eisenman Architects, oficina dun dos emblemáticos New York Five que prepara para o 2o17 a inauguración deste complexo con más de 141.ooo metros cadrados de programa cultural para a cidade de Santiago de Compostela. Dentro do conxunto, anexa ademais as Torres Hejduk, obra perteneciente a outro New York Five, John Hejduk (1929-2ooo).


Esta impoñente obra en construcción de Eisenman (coa intervención de David Chipperfield durante o cambio político), trata de reconciliar a conservación patrimonial coa produción de coñecemento, a investigación, a creación e o consumo cultural. Para este proxecto, o arquitecto aproveita as suaves curvas da topografía facendo emerxer o proxecto dende o solo e abrindo os seus espazos de xeito fluído coa paisaxe.

O complexo compónse de diferentes edificios sutilmente separados entre os cales se encontran o Museo da Historia de Galicia e a Casa Mundo, a Biblioteca e a Hemeroteca, o Escenario Obradorio e o Edificio de Edificios Centrais.


A recente inauguración de etapas xa concluídas (11 de xaneiro de 2o11), puxo ao proxecto novamente no punto de mira. A situación é complexa. Nestes dous últimos anos moitas cousas pasaron e unha das máis importantes é que o país está atravesando unha dura crise económica, o cal espertou polémicas en torno ao gasto que significou este proxecto, sobre todo cando aínda quedan etapas para seguir inaugurándose no futuro.


O efecto Guggenheim en Bilbao de finais dos noventa parece estar lonxe de dar froitos aquí e mentres os medios e sectores políticos descargan en contra do complexo arquitectónico, a Xunta de Galicia continúa coa tarefa de buscar financiamento do sector privado para poder concluír un programa que ante tal estado de avance só lle queda rematarse.

1/5. Megaconstrucciones. Cidade da Cultura

2/5. Megaconstrucciones. Cidade da Cultura
3/5. Megaconstrucciones. Cidade da Cultura
4/5. Megaconstrucciones. Cidade da Cultura
5/5. Megaconstrucciones. Cidade da Cultura

jueves, 16 de diciembre de 2010

Happy Birthday, NIEMEYER!

Hoxe, 15 de decembro de 2o1o, o arquitecto carioca Óscar Niemeyer celebra o seu aniversario número 1o3, e faino cunha sorprendente vitalidade que o mantén ao mando do seu estudio.


A súa obra parte en 1939, cinco anos despois de graduarse na Escola Nacional de Belas Artes de Río de Janeiro, e nada menos que encabezando o equipo de arquitectos que colaboraron con Le Corbusier no Novo Ministerio de Educación en Río de Janeiro e onde ten a oportunidade de traballar xunto a Lucio Costa e Carlos Leao entre outros.

As décadas dos 4o e 5o serían moi frutíferas para a arquitectura de Niemeyer. Aquí aparecerían importantes obras como o Cuartel Xeral da ONU (en colaboración con Le Corbusier), o parque Ibirapuera ou o MAM de Caracas. Con todo, o máis relevante xorde da man do presidente brasileiro Juscelino Kubitschek, quen decidiu levantar desde cero unha nova capital para Brasil.

Brasília está na memoria de todo arquitecto. O masterplan desenvolvido por Lucio Costa foi acompañado por edificios de Niemeyer, como a Catedral de Brasília, o Congreso Nacional ou o Palacio do Planalto. A estas alturas a arquitectura de Niemeyer deixa de ser puramente lecorbusiana e alcanza un caracter propio, máis escultórico e onde as curvas son un común denominador do mesmo xeito que o uso do formigón armado.

Nos anos 6o, tras a ditadura en Brasil, Niemeyer vese forzado a abandonar o seu país e comezar unha etapa de construción en diferentes lugares do mundo. É así como a súa obra traspasa as fronteiras latinoamericanas e transfórmase nun arquitecto recoñecido en todo o mundo.

En 1988 recibe o recoñecemento máis importante da Arquitectura: O premio Pritzker.


Na actualidade, non é necesario falar de quen é Óscar Niemeyer: os seus anos de oficio e a súa obra transformárono nunha das figuras máis importantes da arquitectura mundial. É así como a súa arquitectura ademais ten un estilo puramente propio que aínda que herdou moitos elementos da arquitectura racionalista europea, foi capaz de elaborar certos conceptos e elementos que lle deron un carácter máis latinoamericano e local.

martes, 9 de noviembre de 2010

Monfero como metamateria

En Santa María de Monfero, Patricia Sabín e Enrique Blanco identifican o existente como unha base en estado de ruína, resultado dun elevado estado de degradación. A súa opción é empregar toda esa presenza como materia conceptual, onde a herdanza arquitectónica é a base para a construción do novo hotel: non estamos a restaurar un mosteiro, estamos a construír un hotel coas pedras dun mosteiro. Este principio pode lembrarnos a Viollet-Le-Duc, pero os arquitectos non procuran a súa unidade de estilo, definindo un estilo dominante e suprimindo outros. Ao revés, empregan o existente como materia de traballo para recrear o conxunto, restablecendo nel un estado actual que emprega toda a preexistencia como tema.

A historia do edificio non é vista como unha secuencia continua senón como un testemuño reinterpretado de xeito non secuencial. A base histórica adquire unha importancia tradicionalmente outorgada ao lugar. Asimilándollo como unha ferramenta de traballo, os arquitectos remarcan, suavizan ou anulan a materia construída do mesmo xeito como axeitan o terreo ou determinan as relacións visuais ou volumétricas como envolvente.

Por outra banda, o proxecto recorda a Ruskin na recuperación do discurso en torno á nostalxia, á ruína, á beleza da pátina. Pretende a verdade do existente en contrapunto á intervención estética, asumindo engurras e defectos, refacéndollos segundo unha nova lóxica persoal, cuns principios destacados ao nivel funcional e construtivo. Os arquitectos recolocan todos estes elementos físicos, poéticos ou filosóficos de novo na contemporaneidade, adaptados a unha imaxe clara e actual, sen establecer analoxías ou contrastes; pero si unha nova imaxe, a súa.

domingo, 7 de noviembre de 2010

Club Náutico en Miño

Situación. Porto de Miño (A Coruña)
Data. Proxecto: 2oo4-o5
Superficie. 587,75 m2

O porto de Miño é un enclave portuario situado nunha zona remarcable da costa coruñesa pola riqueza e beleza do seu paisaxe. Dispón dunha ampla amarradoira de embarcacións de recreo de recreo e deportivas, constituíndo un punto de partida clave para as excursións marítimas. En menor número, alberga tamén unha pequena flota pesqueira.

O edificio busca integrarse na paisaxe, desaparecendo, a través do reflexo das augas na infinitude dos seus vidros, protexidos por esa inmensa cuberta a modo das ás despregadas dos cormoráns do lugar. En tal situación, mordendo o dique, o edificio aparece no límite da dársena, abríndose ao mar e dando a benvida aos novos tripulantes.

O edificio organízase en dúas plantas superiores onde se sitúan as oficinas, as salas de estar, un ximnasio e o bar - restaurante, orientados ao sudoeste e ofrecendo unha ampla, inmediata e interminable visión do mar aberto.

A lousa construida sobre o nivel do mar dá lugar a unha planta soterrada onde se aloxan tódalas instalacións e se almacenan as pequenas embarcación do club con saída directa ás augas do mar.


sábado, 6 de noviembre de 2010

Happy Birthday, ROBIE HOUSE!


Os habitantes de Chicago, aos que non lle gustaba a casa Robie, que se sentían ofendidos pola novidade do seu aspecto e ás súas longas e estendidas liñas horizontais, trataron de ridiculizala comparándoa cun barco de vapor, o mesmo que ían dicir más adiante os críticos de Le Corbusie sobre os seus edificios. Sen sabelo, estaban dando a entender que a casa estaba construída no espírito da época da que procedía.
Sigfried Giedion: Espazo, tempo e arquitectura

Dende que constrúe a súa residencia - estudio no barrio de Oak Park (Illinois) e durante vinte anos, de 1889 a 19o9, Frank Lloyd Wright desenrolou unha arquitectura que transformaría totalmente a maneira de entender a vivenda unifamiliar suburbana. El denominou ás propostas domésticas dese período as prairie house e, entre elas, a casa para Frederick C. Robie, rematada en 191o, sería o seu expoñente máis representativo, o diálogo perfecto entre a arquitectura e a natureza.
O paradigma das casas da pradeira pódese entender en termos de diálogo, diálogo que se establece entre as diferentes estancias, ao romper o seu tradicional hermetismo, contrapunto entre interior e exterior, entre oriente e occidente; entre as predominantes liñas horizontais –a pradeira– e a rotunda cheminea vertical –o fogar– que ancora a casa e os seus habitantes ao lugar… pero, sobre todo, entre a casa como máquina e a casa como refuxio, a eterna dialéctica da vivenda moderna.
Unha casa que protexa e libere ao mesmo tempo é a concepción doméstica de Wright. Christian Norberg-Schulz explica que o gran valor da obra consiste en ter dado unha interpretación moderna aos significados fundamentais do espazo existencial. Dese xeito, Wright redescubre conceptos arquetípicos e pon en relación o Vello e Novo Mundo, sentado as bases para a arquitectura posterior.

Con este pequeno escrito, quixen sumarme á celebración do centenario da construción da Casa Robie. E a pesares de que semella estar xa todo escrito sobre esta vivenda, asegúrovos que sempre atoparemos algún texto, algunha imaxe… algunha lección que nos demostre como, un século despois da súa construción, aínda podemos aprender da Casa Robie.